miércoles, 16 de enero de 2019

Os populares lucenses lamentan que “o Estado sexa a administración supramunicipal que menos inviste na provincia por habitante”



  • Candia: “Galicia é das comunidades autónomas máis castigadas e a que paga o prezo máis elevado polos pactos do presidente do Goberno”
  • O deputado popular lucense no Congreso, Jaime de Olano, asegurou que “as contas do Executivo socialista recollen a subida dos impostos, máis déficit, máis débeda, menos crecemento e menos emprego” para engadir que “o suposto xiro social do Goberno consiste en levar a cabo medidas sociais que xa aprobara o PP no seu Presuposto para o 2018 coma a suba das pensións, do salario dos funcionarios, das partidas dedicadas á violencia de xénero, entre outras”
  • "Os investimentos dirixidos ás estradas da provincia reducíronse con respecto ás anualidades previstas para o 2019 nos Presupostos vixentes elaborados polo PP abocándoa á paralización da A-54, da A-74 onde se diminúe o presuposto nun 98% e da A-56 que só verá finalizados os 10 km impulsados polo Goberno popular”, dixo o deputado Joaquín García Díez

A presidenta do PP provincial de Lugo, Elena Candia, asegura tras coñecer os Presupostos Xerais para o 2019 presentados polo Goberno socialista de Pedro Sánchez que “o Estado se queda na terceira posición entre as administracións supramunicipais en investimentos na nosa provincia. Dos arredor de 70 millóns que quedarían circunscritos á nosa provincia, o reparto por lucense non chega aos 213 euros.

Moi por diante se atopa a Xunta de Galicia con 1.341 millóns de euros que supón un investimento de 4.022 euros por cada habitante e, incluso, por detrás da Deputación Provincial”. Candia, así mesmo, apuntou que “Galicia é das comunidades autónomas máis castigadas e a que paga o prezo máis elevado polos pactos do presidente do Goberno”.

Pola súa banda, o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, recorda que “Lugo non lle debe nada ao señor Sánchez. Se había algunha dúbida xa queda disipada con este proxecto orzamentario que nos veñen de presentar e que supón un ataque directo e claro ao conxunto dos españois e dunha forma moi especial aos lucenses”.

Barreiro sinala “a perda dun 35% dos investimentos en infraestruturas de comunicación para o ano 2019 con respecto ao contemplado no ano 2018. É dicir, perdemos moito máis aínda que a media do que perde Galicia”. Concretamente, na “A-54 perdemos 8 millóns de euros para o desenvolvemento da autovía que nos comunica con Santiago e para a que incluso o presidente da Xunta demandaba un maior ritmo inversor para completar estas actuacións antes do previsto. Pero, isto vai ser imposible. Para a A-56 pérdense 10 millóns de euros e para a A-74, a Autovía da Mariña, perdemos case 1,8 millóns de euros. Igualmente, o intercambiador de Guntín entre a autovía de Santiago e a de Ourense cae dos 2,5 millóns aos 0”. Por outra banda, en Outeiro de Rei estaban previstas unhas actuacións para facer máis urbana a N-VI, pero “verán reducido o seu presuposto dos 350.000 aos 100.000 euros”.

O popular apunta, neste sentido, que “o trato aos lucenses por parte do Goberno de Pedro Sánchez é, polo tanto, vexatorio”. Así, o senador cre que “os representantes socialistas en Madrid, por dignidade, teñen dúas saídas: votar en contra destes presupostos ou marchar para a casa”. Xosé Manuel Barreiro asegura que “Pedro Sánchez está disposto a sacrificalo todo excepto o seu sillón na Moncloa”.

Orzamentos socialistas e populistas, non sociais O deputado popular lucense e portavoz adxunto do Grupo Popular no Congreso, Jaime de Olano, asegurou que “os Presupostos presentados polo Goberno de Pedro Sánchez non son sociais, son socialistas e populistas”. O deputado popular sinalou que as contas do Executivo socialista en Madrid recollen a subida dos impostos, máis déficit, máis débeda, menos crecemento e menos emprego”.

Olano asegurou que “o suposto xiro social do Goberno consiste en levar a cabo medidas sociais que xa aprobara o PP no seu Presuposto para o 2018 coma a suba das pensións, do salario dos funcionarios, das partidas dedicadas á violencia de xénero, entre outras”. Neste senso, recorda que “o Goberno popular aprobara o incremento do gasto social rebaixando os impostos ás rendas inferiores a 18.000euros, mentres que agora o Goberno socialista sube todos os impostos –IRPF, imposto de sociedades, patrimonio, cotizacións sociais- o que suporá preto de 300 euros máis ao ano por cada contribuínte”.

Isto, “a pesar de ser totalmente innecesaria porque estábamos en cifras históricas de recadación debido ás políticas económicas do PP”, asegura o popular. Olano indicou que “é mentira que as subidas de impostos as pagarán só os ricos porque coa recadación dos dous impostos dirixidos ás rendas máis altas, coma a suba do IRPF para rendas por enriba dos 130.000 euros ou de 300.000 euros máis a suba de imposto sobre patrimonio, é inferior ao que pretenden recadar polo imposto ao diésel que empregamos as clases medias, traballadores e autónomos nos nosos vehículos”.

“A pesar dos anuncios do cambio de modelo produtivo por parte do Goberno socialista, os Presupostos Xerais do Estado descobren a falacia desa mensaxe porque ese cambio consiste en máis cemento, máis asfalto, moitos máis impostos ás empresas e menos industria á que lle conxelan o presuposto. Despois lamentaranse da perda de investimentos, perda de competitividade e a baixada nas exportacións e das deslocalizacións ou os ERES nalgunhas industrias”, apuntou Olano.

“Estes Presupostos Xerais do Estado non son os que necesita España, senón os que necesita Pedro Sánchez para pagar as facturas aos socios da moción de censura”. Así, censura o popular que “mentres en Cataluña a inversión medra un 66%, noutras comunidades coma Galicia baixa un 19,9%”. Polo tanto, para o deputado no Congreso “estes Presupostos non son os da igualdade, senón que acrecentan a desigualdade territorial”.


Paralizacións na construción das autovías

O deputado Joaquín García Díez, pola súa banda, asegurou que “os Presupostos Xerais do Estado do 2019 para a provincia de Lugo son a confirmación das mentiras e enganos que os socialistas verteron nos últimos meses. Analizando as partidas dos principais Ministerios inversores a decepción é enorme”, continúa o popular; xa que “aínda por riba fai poucos días que estivo en Lugo o delegado do Goberno vendendo unha aposta por esta provincia cando as cifras reflicten o seu desprezo a Lugo”, considera García Díez.

“Os investimentos dirixidos ás estradas da provincia reducíronse considerablemente con respecto ás anualidades previstas para o 2019 nos Presupostos vixentes elaborados polo Goberno do Partido Popular”, asegura o deputado. Así, “para a Autovía A-54 entre Lugo e Santiago, lonxe de impulsala e acelerar as obras, atopámonos coa redución de contías. A previsión nos orzamentos do 2018 para o tramo entre Palas e Melide era a de investir uns 10 millóns de euros este ano; pero consignan 3,2 millóns, é dicir, un 68% menos, condenando a este tramo á súa práctica paralización durante o ano 2019”. Igualmente, o intercomunicador da A-54 coa N-540 en Guntín tamén ve reducida a súa previsión de 5 millóns a 100.000 euros.

“A Autovía A-56 entre Lugo e Ourense resulta agraciada coas mesmas cantidades que xa figuraban en presupostos anteriores. Polo tanto, finalizaranse unicamente os 10 quilómetros que xa impulsou o goberno Popular entre San Martiño e A Barrela”, recordou García Díez. O deputado popular lamenta tamén “a chamativa redución do coste total presupostado para os diferentes tramos da Autovía A-74, a Autovía da Mariña, que tiña presupostado tres tramos con importantes cifras, San Cibrao-Burela, Foz-Burela e Barreiros-Foz pasa de algo máis de 258 millóns a 5.559.000 euros. É dicir, o Goberno reduce o seu presuposto nun 98%”. Do mesmo xeito, “as cantidades dedicadas a Conservación e Explotación de estradas ou seguridade viaria repítense ou modifícanse á baixa con respecto ás previstas para a anualidade do 2019 nos presupostos do ano pasado”, continuou Joaquín García Díez.

Retraso na renovación e variantes na liña Monforte-Lugo ata o 2023

“As contas do Estado do 2018, actualmente en vigor prorrogados, amosaban o compromiso do goberno Popular de dar solución ás carencias en materia de comunicación ferroviaria da provincia coa meseta tal e como presentara en maio do 2018 recibindo as críticas do PSOE.

Tras esas declaracións cabía esperar que esas críticas se transformaran nun maior esforzo inversor por parte do Goberno de Sánchez, pero as contas dos socialistas constatan unha gran burla aos lucenses”, considera García Díez.

O popular sinalou que “as dúas partidas orzamentarias máis importantes sofren recortes e retrasos”. Así, “a renovación e variantes na liña Monforte-Lugo que nos orzamentos do PP ten un coste total de 889 millóns de euros, no presuposto socialista redúcese a 310 millóns, un 65% menos ao que hai que engadir o retraso que propoñen para a súa finalización pasando do 2022 ao 2023”, critica García Díez. “E para a partida de electrificación da liña Monforte-Lugo a redución do coste das obras pasa de 113 millóns a 83 millóns, un 27% menos”, sinalan tamén dende o PP lucense.

0 comentarios:

Publicar un comentario