viernes, 14 de abril de 2023

O PP lucense pide ao Goberno un Plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo “comprometido por Renfe no 2018”

  • Os deputados demandarán no Congreso que o Ministerio “corrixa o agravio a Galicia” e estenda a gratuidade dos trens de ancho métrico máis alá do 31 de decembro e ata a entrega dos trens pendentes
  • Os populares piden “o mesmo trato para Galicia” tendo en conta que “a ministra anunciou o reforzo dos servizos ferroviarios, renovar e modernizar toda a flota de cercanías en Asturias e Cantabria”
  • “O Ministerio anunciaba cando se adxudicaba a compra dos 31 trens de ancho métrico que poderían utilizarse tamén en Galicia e Castela e León”, segundo explican os deputados do Partido Popular

Lugo, 14 de abril de 2023. Os deputados lucenses do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, piden ao Goberno de Pedro Sánchez “aprobar en tres meses un Plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo”. De feito, “Renfe comprometera no 2018 un plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo, onde o material rodante é causante da maioría das incidencias e precisa ser modernizado”.

Será a través dunha Proposición no de Ley para debater en Comisión coa que tamén demandarán que o Ministerio “corrixa o agravio a Galicia” e “estenda á nosa comunidade a aportación económica actual para a gratuidade dos trens de ancho métrico máis alá do 31 de decembro do 2023 e ata a entrega das unidades de trens pendentes no contrato en curso”. 

De feito, é o que ten anunciado o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para as cercanías ferroviarias en Asturias e Cantabria tralo atraso na entrega dos novos trens debido a que “non collen polos túneles existentes”. O Ministerio habilitará a través dos Presupuestos Generales del Estado sendas partidas económicas de aportación ao financiamento do sistema de transporte público de Asturias e Cantabria para aplicar as correspondentes bonificacións.

Os populares piden “o mesmo trato para Galicia” tendo en conta que “para mitigar canto antes as consecuencias do atraso na entrega dos novos trens e ofrecer aos usuarios do ferrocarril o mellor servizo, a ministra anunciou un plan de acción encamiñado a reforzar os servizos ferroviarios, renovar e modernizar toda a flota de ancho métrico coa ampliación do contrato e novas licitacións e a acelerar os investimentos na infraestrutura contemplada no Plan de Cercanías”.

Os deputados lucenses do PP na cámara baixa lembran tamén que “en xuño do 2020 o Ministerio comunicaba que Renfe adxudicaba a compra de 31 trens de ancho métrico e 6 alpinos por 258 millóns de euros, detallando que se adquirían 26 trens eléctricos e 5 híbridos que, ademais de en Asturias e Cantabria, poderían utilizarse en Galicia e Castela e León”.

miércoles, 12 de abril de 2023

O PP pide dende o Congreso que o Goberno execute de forma simultánea as obras de reconstrución dos viadutos do Castro na A6 en ambos sentidos

  • Os populares esixen “facer públicos os prazos de execución e finalización dos traballos para restablecer a circulación de ambos sentidos desta infraestrutura estratéxica e esencial”
  • A través dunha Proposición no de Ley, os deputados do PP lucense piden tamén un plan sobre as actuacións necesarias na rede de carreteras do Estado na provincia de Lugo para este ano 2023
  • Os populares denuncian “o esquecemento do Goberno con Lugo onde as novas infraestruturas non acaban de completarse e as xa existentes están a deteriorarse por falta de investimentos en conservación”

O Grupo Popular no Congreso dos Deputados súmase ás iniciativas dos populares nas distintas cámaras para instar ao Goberno a executar as obras de reconstrución dos viadutos afectados polo colapso na A6 no Castro “de maneira simultánea en ambas calzadas e sentidos” entre Galicia e Madrid.

A través dunha Proposición no de Ley para debater na Comisión de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, o Partido Popular pide tamén “facer públicos os prazos de execución e finalización dos traballos para restablecer a circulación de ambos sentidos desta infraestrutura estratéxica e esencial” e “presentar un plan integral, co seu cronograma e presuposto, das actuacións necesarias na rede de carreteras do Estado na provincia de Lugo para este ano 2023”. 

“O derrubamento do viaduto do Castro na A6, algo sen precedentes na nosa historia recente, está xerando preocupación pola situación xeral e pola falta de prazos concretos e xustificados para a súa reconstrución”, manifestan os populares.  Ademais, teñen en conta que “recentemente se producía un accidente cun camión no desvío alternativo ao tramo cortado da A6, deseñado e executado polo Goberno, que volveu evidenciar as carencias e perigosidade do desvío”.

Os deputados do PP lucense na cámara baixa, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, atribúen “á falta de investimentos en mantemento e conservación dos quilómetros de estradas nacionais e autovías o deterioro que están a sufrir nos últimos anos” e que “está tendo graves consecuencias como son a caída do viaduto do Castro na A6 ou o derrubamento parcial da N-642 na Mariña”.

Os populares explican que “son só dous exemplos aos que se lles poden sumar o lamentable estado da N-120 entre Monforte e Ponferrada e o estado insoportable para os miles de usuarios que se trasladan pola N-540 entre Lugo e Ourense; que cada día utilizan más cidadáns para coller o tren cara á meseta porque non circula durante meses entre Lugo e Monforte e entre esta cidade e Ourense”.

Igualmente, “as infraestruturas de nova construción, coma a A-54 entre Lugo e Santiago, seguen acumulando atrasos de largos períodos de inactividade durante os últimos anos”. Pero, “se o Goberno de Sánchez é incapaz de concretar un compromiso de finalización para esta vía, a A-56 que une con Ourense ten aínda 90 km sen proxectos nin presupostos”, lembran.

Estes son “só algúns exemplos que evidencian o esquecemento deste Goberno con Lugo onde as novas infraestruturas non acaban de completarse e as xa existentes están a deteriorarse por falta de investimentos en conservación”, sinalan os deputados lucenses do Partido Popular.


GRAVE DETERIORO DAS COMUNICACIÓNS FERROVIARIAS EN LUGO

En materia ferroviaria, “a situación aínda é máis grave ante a falta de compromisos para reducir os tempos de viaxe entre Lugo e Ourense; por non investir nin un euro en mellorar a liña entre Lugo e A Coruña; por deixar a liña de ancho métrico na Mariña morrer lentamente e por excluír a Lugo dos proxectos da rede de mercadorías”, subliñan.

O Grupo Parlamentario Popular propuxera emendas aos últimos Presupuestos Generales del Estado (PGE 2023) para realizar os estudos necesarios que permitisen avaliar a viabilidade técnica e económica de novos trazados ferroviarios para conectar a actual liña Lugo – A Coruña con Santiago de Compostela e coa Mariña, “propostas rexeitadas polos grupos que sustentan o actual Goberno”, inciden De Olano e García Díez.