viernes, 14 de abril de 2023

O PP lucense pide ao Goberno un Plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo “comprometido por Renfe no 2018”

  • Os deputados demandarán no Congreso que o Ministerio “corrixa o agravio a Galicia” e estenda a gratuidade dos trens de ancho métrico máis alá do 31 de decembro e ata a entrega dos trens pendentes
  • Os populares piden “o mesmo trato para Galicia” tendo en conta que “a ministra anunciou o reforzo dos servizos ferroviarios, renovar e modernizar toda a flota de cercanías en Asturias e Cantabria”
  • “O Ministerio anunciaba cando se adxudicaba a compra dos 31 trens de ancho métrico que poderían utilizarse tamén en Galicia e Castela e León”, segundo explican os deputados do Partido Popular

Lugo, 14 de abril de 2023. Os deputados lucenses do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, piden ao Goberno de Pedro Sánchez “aprobar en tres meses un Plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo”. De feito, “Renfe comprometera no 2018 un plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo, onde o material rodante é causante da maioría das incidencias e precisa ser modernizado”.

Será a través dunha Proposición no de Ley para debater en Comisión coa que tamén demandarán que o Ministerio “corrixa o agravio a Galicia” e “estenda á nosa comunidade a aportación económica actual para a gratuidade dos trens de ancho métrico máis alá do 31 de decembro do 2023 e ata a entrega das unidades de trens pendentes no contrato en curso”. 

De feito, é o que ten anunciado o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para as cercanías ferroviarias en Asturias e Cantabria tralo atraso na entrega dos novos trens debido a que “non collen polos túneles existentes”. O Ministerio habilitará a través dos Presupuestos Generales del Estado sendas partidas económicas de aportación ao financiamento do sistema de transporte público de Asturias e Cantabria para aplicar as correspondentes bonificacións.

Os populares piden “o mesmo trato para Galicia” tendo en conta que “para mitigar canto antes as consecuencias do atraso na entrega dos novos trens e ofrecer aos usuarios do ferrocarril o mellor servizo, a ministra anunciou un plan de acción encamiñado a reforzar os servizos ferroviarios, renovar e modernizar toda a flota de ancho métrico coa ampliación do contrato e novas licitacións e a acelerar os investimentos na infraestrutura contemplada no Plan de Cercanías”.

Os deputados lucenses do PP na cámara baixa lembran tamén que “en xuño do 2020 o Ministerio comunicaba que Renfe adxudicaba a compra de 31 trens de ancho métrico e 6 alpinos por 258 millóns de euros, detallando que se adquirían 26 trens eléctricos e 5 híbridos que, ademais de en Asturias e Cantabria, poderían utilizarse en Galicia e Castela e León”.

0 comentarios:

Publicar un comentario