viernes, 29 de enero de 2021

Os deputados lucenses do PP advirten de que “as obras das variantes da liña do ferrocarril entre Lugo e Ourense seguen sen data”

  • García Díez considera “decepcionante” a resposta porque “vén a recoñecer que o Goberno non avanzou absolutamente nada nos últimos tres anos nas obras máis importantes para a redución de tempos entre Lugo e Ourense e a conexión da nosa provincia coa alta velocidade”.
  • Os populares advirten que “a falta dunha data e dun horizonte concreto, non nos permite ser optimistas” coa redución de tempos e a conexión coa alta velocidade.
  • Os deputados do PP lucense critican tamén “a tardanza en dar resposta a unha pregunta que se podería contestar en 10 días” porque cren que “demostra unha falta de respecto ao traballo que vimos realizando”.

Os deputados populares no Congreso pola provincia de Lugo, Joaquín García Díez e Jaime De Olano, advirten de que “aínda seguen sen data as obras das variantes de Oural e Os Peares, que son as máis importantes en relación á modernización e electrificación da liña do ferrocarril entre Lugo e Ourense porque permitirían a redución de tempos entre Lugo e Ourense e a posterior conexión da nosa provincia coa alta velocidade”. 

Así se desprende da resposta do Goberno ás preguntas formuladas por García Díez fai 12 meses e que “non pode ser máis decepcionante” porque “as obras destas variantes aínda están na fase de estudo informativo”. Polo tanto, o Executivo central recoñece que non avanzou absolutamente nada nos últimos anos, é dicir, dende que gobernaba o Partido Popular que deixara xa os proxectos en marcha coas correspondentes dotacións orzamentarias e un cronograma que permitía un horizonte razoable”.

Esta resposta vén a confirmar as críticas dos populares nas que advertían de que a nosa provincia seguiría moitos anos lonxe da redución de tempos entre Lugo e Ourense e da conexión coa alta velocidade “da que non dispoñemos en Lugo a día de hoxe. O popular cre que “a falta dunha data e dun horizonte concreto, non nos permite ser optimistas”.

Un ano para responder a unha pregunta dos deputados do PP de Lugo

Os deputados critican que o Goberno de Pedro Sánchez tarde doce meses en ofrecer unha contestación a unha pregunta formulada polos deputados do PP “que se podería dar en 10 días”. Os populares aseguran que “isto demostra unha falta de respecto cara aos deputados do Partido Popular e o traballo que realizamos na defensa dos intereses de tódolos lucenses”.

Nulas ou ínfimas dotacións para a A-56

Os deputados lucenses do PP seguen moi de preto a conexión da provincia de Lugo coa de Ourense. De feito, fai poucos días demandaban xunto aos deputados ourensáns que o Goberno central dedicase á autovía A-56 as cantidades consignadas nos Presupostos Xerais do Estado do 2018 elaborados polo Goberno de Mariano Rajoy.

Trala posta en servizo do tramo entre A Barrela (Carballedo) e San Martiño (Vilamarín), o futuro desta autovía é “preocupante” tendo en conta a situación na que se atopan o resto dos tramos debido ás nulas ou ínfimas dotacións que o Goberno socialista incluíu na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 á que os deputados do PP presentaran emendas no seu trámite parlamentario para elevar as dotacións para os distintos tramos da vía que foron rexeitadas.



0 comentarios:

Publicar un comentario