lunes, 4 de octubre de 2010

O PP reclama unha fronte común para que o Goberno de Zapatero cumpra e deixe de marxinar á Real Academia Galega

  • O PP califica de afrenta a Galicia que o Estado destine á Real Academia galega tan só 200.000 euros fronte ao case millón de euros que se consignan para as institucións catalana e vasca
  • Os populares lograron fai quince días o acordo unánime do Congreso para que a institución galega tivese nestes presupostos unha partida semellante á que reciben das academias catalana e vasca e, sen embargo, o Executivo de Zapatero segue desprezando á cultura galega
  • A deputada popular Ana Vázquez anuncia emendas ás contas públicas para subsanar esta clara inxustiza 

Os deputados galegos do PP cualifican de “afrenta” que os Presupostos Xerais do Estado de 2011 consignen para a Real Academia Galega tan só 200.000 euros, unha partida notoriamente insuficiente e que incumpre o acordo unánime da Comisión de Cultura do Congreso de hai só quince días.

O pasado 15 de setembro, a Comisión de Cultura da Cámara Baixa aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei do Partido Popular, que se votou, nun texto transaccionado con PSOE e BNG, na que se dicía textualmente que o Congreso instaba o Goberno “a contemplar nos Presupostos Xerais do Estado para 2011 unha partida para que a Real Academia Galega, xunto coa española e as institucións análogas catalá e vasca, puidese ter as mesmas prerrogativas e dispoñer dunha asignación económica similar a estas, ao obxecto de poder realizar programacións estables e coa seguridade dun financiamento axeitado ao importante labor que realiza”.

Quince días despois deste acordo, o Goberno de Zapatero, no que se integran tres ministros nados en Galicia, presenta uns PXE que, no Ministerio de Educación contempla as seguintes partidas de transferencias correntes:

•    . Institut de Estudis Catalans........ 976.480
•    . Academia de la Lengua Vasca..... 488.250
•    . Sociedad de Estudios Vascos......  649.490
•    . Real Academia Galega...............  200.000

Examinados estes números, os populares queren subliñar que non se ve por ningún lado un trato igualitario, senón un claro desequilibrio. O certo é que para o País Vasco van 1.137.740 (máis de cinco veces a nosa asignación) e para Cataluña 976.480 (case cinco veces a nosa asignación). Un trato similar implicaría, neste caso, que a cada comunidade lle tocase a mesma suma, é dicir, 771.406,66 €.

A deputada popular Ana Vázquez, que defendeu no seu día a Proposición Non de Lei do PP na Comisión de Cultura, anunciou xa que o PP, no trámite parlamentario dos PXE do 2011, tentará corrixir esta clara discriminación á cultura galega e reclama unha fronte común de todos os deputados galegos do Congreso, sexan do partido que sexan, para evitar que o Executivo de Zapatero continúe con esta marxinación.

Os populares insisten en que o galego é a lingua que falan máis de 4 millóns de cidadáns, defenden o bilingüismo e aseguran que seguirán loitando para que a Real Academia Galega non teña que seguir véndose obrigada a financiarse con subvencións que se conceden en réxime de concorrencia competitiva.

Os deputados galegos do PP lamentan que Zapatero siga incumprindo sistematicamente os acordos do Congreso dos Deputados e desatendendo os seus mandatos e aseguran que esta actitude é a que provoca que os cidadáns non crean xa nin unha soa palabra dos socialistas.

0 comentarios:

Publicar un comentario